UNHA SOCIEDADE ESTAMENTAL
A sociedade dividíase en tres estamentos principais: nobreza, clero e terceiro estado.
A nobreza diferenciábase en dous grupos. A alta nobreza ou aristocracia monopolizaba os altos
cargos da Administración e do Exército, posuía grandes propiedades e cobraba dereitos
señoriais. Pola súa parte, a baixa nobreza tiña unha situación económica peor e tentou
emparentar coa burguesía adiñeirada para mellorar a súa posición.
O clero tamén se dividía en alto e baixo. O alto clero (bispos, arcebispos, cardeais…) estaba
formado na súa maioría por fillos menores de familias nobres. O baixo clero (sacerdotes, frades,
monxas…) estaba constituído por persoas do pobo.
O terceiro estado incluía o campesiñado e a burguesía. O campesiñado pagaba impostos ao rei,
aos señores polo dereito de explotación da terra, polos usos do muíño e das pontes, e tamén o
décimo á Igrexa. A maioría traballaba en terras da nobreza ou do clero. A burguesía estaba
formada por comerciantes, médicos e propietarios de obradoiros, tiña un poder político
limitado ao goberno das cidades e reclamaba maior participación política e igualdade
xurídica.
A ARTESANÍA E O COMERCIO
A actividade manufactureira estaba controlada polos gremios, que regulaban a produción e
dificultaban as innovacións. Os artesáns traballaban en pequenos obradoiros e realizaban todas
as fases do proceso produtivo. Para escapar deste control desenvolveuse o sistema doméstico,
baseado no traballo fóra dos gremios.
O comercio internacional medrou grazas aos intercambios con América e Asia, e estivo
impulsado polas compañías privilexiadas, que monopolizaban o comercio en determinadas
zonas e importaban produtos como té e algodón.
Tamén foi importante o comercio triangular, no que os europeos levaban produtos a África,
intercambiábanos por escravos, vendíanos en América e regresaban a Europa con algodón,
azucre e outros produtos para a súa venda.
A MONARQUÍA ABSOLUTA
No século XVIII, a forma de goberno predominante en Europa era a monarquía absoluta. O rei
concentraba todos os poderes do Estado: elaboraba e promulgaba as leis, gobernaba e
nomeaba os xuízes. Para exercer o seu poder contaba cun exército poderoso e cun
funcionariado.
Os monarcas absolutos considerábanse por riba da lei, xa que defendían que o seu poder era de
orixe divina e que eran representantes de Deus na Terra.